Pedra de toque. Castro de San Cibrao de Las

novembro peza do mes | Belén Lorenzo Rumbao
Fotograf’a. Pedra de toque. Castro de San Cibrao de Las

Nos museos arqueolóxicos consérvanse e expóñense obxectos que en ocasións, co paso dos anos, acaban cunha nova valoración en canto a funcionalidade ou significación. E esta relectura, este avance interpretativo, prodúcese pola revisión permanente das coleccións que atesouran, á luz dos traballos de investigación e publicacións máis recentes, que recollen tanto novos achados semellantes, como innovadoras explicacións froito dos avances proporcionados polas novas tecnoloxías e analíticas que no momento do achado non existían.

Este é o caso da presente peza, que estivo exposta durante anos no museo arqueolóxico ourensán, identificada baixo a denominación ampla e xeral de «colgante», da que se sospeitaba unha función como colgante-amuleto. A relectura actual condúcenos a interpretala como unha pedra de toque, un utensilio indispensable na determinación da pureza e consecuente valoración do ouro e a prata, nativas ou elaboradas, por parte dos ourives e comerciantes de metais en toda época.