Obxectos de perfume romanos

decembro 2012 | peza do mes | Xulio Rodríguez González e Manuel Xusto Rodríguez
2012_12_p

Dous obxectos procedentes de xacementos arqueolóxicos diferentes, pero pertencentes a un mesmo contexto cultural e complementarios desde o punto de vista funcional, constitúen a peza deste mes. Son dous fragmentos de vidro, un corresponde a un ungüentario tubular e o outro a un axitador de perfume, ámbolos dous relacionados co mundo da cosmética e da fragancia. No mundo antigo, a utilización de perfumes ten un
significado diferente ao que lle damos hoxe en día; a súa orixe está ligada a esixencias estéticas, pero tamén a funcións terapéuticas, polo que non resulta fácil distinguilo dos produtos farmacéuticos.

O ungüentario está formado pola parte inferior dun recipiente de base redondeada e procede do Conxunto Arqueolóxico-Natural de Santomé, dun contexto ben documentado entre mediados do século I e mediados do II d.C. O outro elemento corresponde a un pequeno fragmento dun remexedor ou axitador de perfumes atopado no xacemento de Armeá, na zona da Atalaia, na escavación que realizou Francisco Conde-Valvis Fernández, na década dos 50.