O mapa de Fontán

xaneiro 2017 | peza do mes | Afonso Vázquez-Monxardín Fernández
Detalle da Carta GeomŽtrica de Galicia. Mapa de Font‡n

Domingo Fontán Rodríguez é un home moi recoñecido pero pouco coñecido. Desde 2004 unha fundación leva o seu nome e terma exemplarmente da súa memoria. Naceu no lugar de Porta de Conde, ao pé de Caldas de Reis, en 1788 e era membro dunha familia de «no escasa fortuna». Estudou en Noia cun tío crego, logo en Santiago. Precoz e extraordinario estudante, finalizou as carreiras de Filosofía e Letras, Teoloxía e Matemáticas, en cuxa facultade, logo doutras ocupacións docentes, foi catedrático de Matemáticas Sublimes desde 1828. Propietario dunha fábrica de papel en Noia, deputado nas Cortes e director do Observatorio Astronómico de Madrid foi un polifacético ilustrado tardío e morreu en Cuntis en 1866 despois dunha intensa e produtiva vida.

A realización do mapa foi posible polo seu esforzo e fortuna. En total foron uns 17 anos de traballo, no que montou 467 estacións xeodésicas en Galicia, 43 en Asturias, León e Zamora, e 3 en Portugal.

Ao inxente traballo de recollida de datos numéricos e esbozos de campo, engadíaselle logo a elaboración deles ata convertelos en información sobre o papel. Declarou que «conocía los 3.600 curatos y cinco catedrales y haber recorrido más de 10.000 pueblos, escuchando las quejas». Seguramente ninguén coñeceu mellor Galicia.

O mapa está elaborado a escala 1:100.000 e cada unha das doce follas, mide 58 x 72 cm, polo que o seu tamaño conxunto, montadas as follas, é de 2,16 por 2,32 m.