Muíño circular. Conxunto arqueolóxico-natural de Santomé

decembro 2017 | peza do mes | Xulio Rodríguez González
Mu’–o circular. Conxunto arqueol—xico-natural de SantomŽ

A peza obxecto de análise documentouse na campaña de escavación realizada no ano 2003 no recinto superior do castro do Conxunto Arqueolóxico-Natural de Santomé onde se descubriu o muíño, asociado a outro de características semellantes xunto a unha gran cantidade de fragmentos cerámicos que despois do proceso de restauración se concretaron en catro recipientes que funcionarían como grandes contedores, previsiblemente de cereais.

A xeneralización do uso do muíño rotatorio supuxo un grande avance tecnolóxico no procesamento e transformación dos alimentos, ao igualar a superficie de fricción da pedra pasiva coa superficie da peza activa, e permitir un movemento continuo nunha dirección, en contraposición ao movemento de vaivén doutros muíños. Isto lévase a cabo por medio de dúas rodas encaixadas entre si por planos inclinados e unidas mediante un eixe. A pedra superior, catillus, presenta unha cara cóncava que se adapta á inferior, fixa e convexa. O gran introdúcese directamente polo oco central.

A data de introdución deste muíño na cultura castrexa do NW foi durante moito tempo motivo de controversia entre os autores que se ocuparon do estudo da súa cultura material; recentes escavacións e a revisión das antigas intervencións poñen de manifesto que durante a segunda metade do século IV o muíño rotatorio xa está introducido en determinas áreas do noroeste da Península Ibérica, aínda que posiblemente non se xeneralice o seu uso ata o século I a C., I d .C. Outro aspecto que parece estar relativamente claro é que a súa introdución se produce desde o sur por vía marítima, e que paulatinamente se van estendendo cara ao interior.