Morteiro. Conxunto arqueolóxico-natural de Santomé

febreiro 2018 | peza do mes | María del Pilar Núñez Sánchez
morteiro santome

Na campaña de escavación de 1983 dirixida por Xulio Rodríguez González no Conxunto arqueolóxico-natural de Santomé acháronse catro fragmentos que unían, correspondentes a un morteiro. A peza, con número de inventario CE005227/75, foi reintegrada en 1994 por Carlos Pazos González, baixo a dirección de Carmelo Fernández, reconstruíndoa a partir dos fragmentos de bordo conservados, que constitúen a décima parte do total do cunco orixinal. Trátase dun recipiente de produción local, pertencente á época Baixo Imperial, que se empregaba como elemento auxiliar na cociña romana destinado fundamentalmente a macerar cereais, a triturar alimentos e a elaborar salsas líquidas ou semilíquidas.

O estudo da cerámica común romana –de cociña, almacenamento e mesa– achega valiosa información sobre os costumes no ámbito doméstico, así como de aspectos de carácter económico e comercial. O emprego dos morteiros é síntoma evidente da adopción de hábitos alimentarios innovadores na sociedade indíxena.