Frasco de pólvora

maio 2019 | peza do mes | Juan Manuel González de Carballo
2019_05

Os frascos para pólvora foron parte do equipo dos tiradores cando menos durante trescentos anos ata a popularización das armas de cartucho metálico, na década entre 1860 e 1870. Empregábase habitualmente un corno de vacún. Descoñécese o porqué da preferencia por este material orgánico con prioridade sobre outros. Quizais foi escollido pola súa ergonomía e lixeireza ou porque o propio material presenta características intrínsecas que o fan idóneo para almacenar un produto altamente higroscópico e polo tanto propenso a amazocarse e alterarse con certa facilidade, algo frecuente nos recipientes metálicos empregados sobre todo nos séculos XVIII e XIX que, ó condensar a humidade, derramaban a pólvora. Sexa como fora o certo é que os tratados de caza da época recomendan o uso deste material con preferencia sobre outros e a imaxe de cargar unha arma vertendo no canón a pólvora dun corno é algo que asociamos con certa facilidade.

Esta peza xa chamou a atención de Xoaquín Lorenzo Fernández, que a debuxou e describiu de xeito minucioso nun artigo publicado no Boletín Auriense en 1981, pero ademais o propietario do frasco quixo deixar cunha inscrición constancia do seu nome e mais unha data que nos achega á época da súa manufactura e uso: «BYBA MI DUEÑO ROMUALDO MARTNEZ AÑO 1851» pregoa a inscrición, fórmula por outro lado moi socorrida na época á hora de adornar obxectos persoais das máis variadas formas e utilidades e loar a un tempo o propietario.