Fíbula con esmalte

xuño 2019 | peza do mes | Ana María Veiga Romero
Fotograf’a de F’bula con esmalte

A palabra latina fibula define un obxecto metálico que serve para unir dúas pezas dun tecido o suficientemente brando como para que poida penetrar unha agulla aseguradora. O tipo xeral de fíbulas nas que aparecen representadas figuras de animais, foron clasificadas por Michel Feugère como 29a e, dentro destas, a peza que presentamos corresponde á variante 23. É un galináceo ou pavón, de pé á dereita, na que se diferencian con claridade todos os riscos anatómicos. Está fabricada a molde e decorada nas ás con pequenas manchas de esmalte en cor azul e incrustacións vítreas en cor verde e vermello, e de cor verde e negro antracita, na cola.

Estas fíbulas, bastante comúns nos museos e coleccións particulares, son raras nas escavacións, polo que a peza adquire un gran valor testemuñal como fósil director. Apareceu durante os traballos arqueolóxicos dirixidos por Celso Rodríguez en 1996, no soar da antiga pista deportiva do Instituto Otero Pedrayo, coñecido tamén como Pompeo, asociada a estruturas alto imperiais e a unha cunca de terra sigillata hispánica Drag. 35, cunha cronoloxía de mediados do século II d. C.