Cuevillas e a Xeira de Deza

decembro 2020 | peza do mes | Xulio Rodríguez González
Fotograf’a da Xeira de terras de Deza

Participantes da campaña de estudo de Terras de Deza en xuño de 1934. © Museo do Pobo Galego.

As xeiras foron unha das expresións máis xenuínas e orixinais da forma de traballar do Seminario de Estudos Galegos, entidade na que estaban integrados os membros da Xeración Nós. Consistían en excursións científicas nas que as diferentes seccións do SEG se dedicaban a investigar diversos aspectos do territorio obxecto de estudo, contribuíndo a uns resultados nos que prima o enfoque integral, a multidisciplinariedade e a interdisciplinariedade.

Cuevillas foi gran defensor deste tipo de traballo en equipo, sentíndose totalmente identificado co seu ideario.

O volume sobre Terra de Deza nunca se chegou a publicar, aínda que en xullo do 36 xa debía estar rematado. Con información recibida por carta de funcionarios locais e a recollida de datos nas saídas ao campo, Cuevillas elabora unha especie de cartafol, –conservado xunto ás cartas no fondo documental deste Museo–, reunindo a información de ata 29 castros, procedendo á súa catalogación de acordo ao esquema acordado no SEG.

A inclusión nestas fichas de catalogación dun apartado referido ao folclore, orienta a investigación arqueolóxica pondo a información etnográfica ao servizo da procura arqueolóxica e, ademáis, engrosa un corpus documental para a realización de estudos etnográficos.