Conxunto de incensarios góticos

abril 2022 | peza do mes | Ángel Domínguez López
pm_2022_04

Os turíbulos do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense ingresaron na súa colección de forma descoñecida, a excepción dun deles que se debe a unha doazón de D. Ignacio Riestra Calderón no ano 1961 (CE003846).

Os incensarios obxecto de estudo presentan unha estrutura arquitectónica en forma de capela octogonal, de tres corpos con lanterna e trazaría calada a base de motivos xeométricos (circulares, rectangulares ou trevolados).  Uns asentan sobre un pé poligonal de seis lados, de extremos graduados, cóncavo de transición ao hastil troncocónico, así mesmo, hexagonal. Outros exemplares asentan sobre unha base circular, aínda que nun dos casos se percibe perfectamente que non é a orixinal, senón un engadido posterior doutro material diferente (CE000549). O incenso colócase nun braseiriño semiesférico que contén os tizóns de carbón.

O material empregado para a súa fabricación acostumaba ser o bronce, como sucede no caso destes exemplares, aínda que en ocasións se botaba man tamén do ferro, cobre ou latón. Soamente no caso de modelos moi representativos deberon elaborarse en metais nobres, pois o emprego de metais preciosos nestes obxectos litúrxicos non foi tan determinante como para aqueles que estaban destinados a conter ou estar en contacto coas especies consagradas. A análise da documentación parroquial da diocese auriense constata a existencia deste tipo de pezas na práctica totalidade dos seus templos.