Colección SEGA (Serigrafías de Arte)

outubro 2022 | peza do mes | Belén Lorenzo Rumbao
10_2022_p

A comezos dos anos setenta Álvaro Álvarez Blázquez, xunto co pintor Virxilio Fernández Cañedo, pon en marcha unha iniciativa pioneira e de grande interese: a produción de obra serigráfica a partir dos orixinais, realizados exclusivamente con esa finalidade, por un nutrido grupo de pintores galegos, como medio de popularización da súa obra a través de exposicións colectivas, así como a súa distribución e venda por medio de salas de arte, como en Ourense, por exemplo, Souto. As estampas vendíanse entre oitocentas e pouco máis de mil pesetas. En palabras do propio Álvarez Blázquez, tratábase de «ofrecer ao público unhas [...] reproducións feitas coa absoluta fidelidade conseguida polo procedemento serigráfico, que exixe, como regra de ouro, a caricia da man, o amor e a paciencia das nobres artes de antano».