Colección de fusís. Armas militares Brown Bess e Remington

febreiro 2015 | peza do mes | Juan Manuel González de Carballo
Coleccion de fusis

A convulsa historia de España durante o século XIX propiciou a distribución de inxentes cantidades de armas, non soamente entre os exércitos regulares ou rebeldes, senón tamén entre a poboación civil. Foron moitas as vivendas rurais que gardaron armas de guerra nas súas adegas ou sobrados procedentes ben dos exércitos, ben das partidas de guerrilleiros que combatían no país. Moitas delas desapareceron comidas pola ferruxe e a couza, pero outras chegaron ata nós en condicións aceptables, configurando curiosas mostras da tecnoloxía militar e do enxeño transformador dos talleres autóctonos que, por necesidade, permitiron manter en uso armas absolutamente desfasadas.

Entre as armas de fogo que perduraron están os catro fusís, dous deles convertidos a trabucos, que o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense garda entre a súas coleccións; artefactos que representan a evolución das armas básicas da infantaría entre os séculos XVIII e XIX.