Campaíña (tintinabulum). Castro da Muradella (Mourazos, Verín)

maio 2017 | peza do mes | Tomás Vega Avelaira
Fotografía campaíña do Castro da Muradella, Verín

En 1964 produciuse no castro da Muradella –próximo ao pobo de Mourazos (Verín)–, un achado sen precedentes na arqueoloxía ourensá: un grupo escultórico en mármore de época romana representando a Dionisio e Ampelos. Naquel momento Jesús Taboada Chivite tiña o cargo de delegado do Servizo Nacional de Escavacións Arqueolóxicas e, en consecuencia, realizou as xestións oportunas para proceder ao seu rápido ingreso no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense que aconteceu nese mesmo ano. A importancia do achado e a necesidade de constatar a intensa romanización do castro levaron a J. Taboada a solicitar, á Dirección Xeral de Belas Artes, do Ministerio de Educación e Ciencia, o permiso necesario para levar a cabo unha campaña de escavación arqueolóxica que se levou a cabo entre o 26 de setembro e o 10 de outubro de 1966.

Durante a intervención arqueolóxica saíron á luz os restos de «una villa rústica que subsiguió a la romanización del castro hasta época tardía». Entre os obxectos metálicos recuperados na campaña de escavación citada figura unha campaíña (tintinabulum) fabricada en chapa de bronce. Estas campaíñas  se empregaban como amuleto (amuletum) máxicoapotropaico co fin de evitar o mal de ollo, e tamén como peza decorativa dos arneses das cabalarías, como complemento dos enxovais funerarios ou como simple adorno persoal cosido na vestimenta, sen esquecer outros posibles usos no ámbito doméstico e relixioso.