Broche de cinto. As Pereiras, Amoeiro

decembro 2015 | peza do mes | Belén Lorenzo Rumbao
Broche de cinto

O broche de cinto que presentamos apareceu no transcurso dos traballos arqueolóxicos levados a cabo polo Grupo de Investigación en Arqueoloxía da Paisaxe da Universidade de Santiago de Compostela (GIArPa-USC) no xacemento das Pereiras, no termo municipal de Amoeiro (Ourense).

A cultura material exhumada durante a actuación arqueolóxica pertence a dous momentos diferenciados, un de época romana coa aparición de fragmentos de vidro, numerosos fragmentos cerámicos de tradición indíxena e dous de sixilata hispánica tardía, así como un ladrillo e numerosas tégulas que apuntan a unha probable estrutura habitacional; un segundo momento vén definido pola aparición de cerámica e outros elementos de época altomedieval.

De entre a cultura material recollida, as pezas máis destacables son os restos dun forno de tradición castrexa «tipo Castromao» no nivel romano, e o broche de cinto achado nos niveis medievais. Trátase dun broche realizado en bronce fundido, composto por dous elementos diferenciados: fibela e placa. Ten o número de inventario DX1106/1 e as súas dimensións son: 10’5 cm de lonxitude, 3’9 de anchura e 0’4 cm de grosor, e ten un peso de 76,8 gr.

A peza, na que figura un epígrafe de carácter cristián, realizado con técnica de calado, no que se le: XPS SI(T) / TECUM, é dicir, «Cristo sexa contigo» estaba revestida cunha lámina de prata.