Brazalete. Castro de San Cibrao de Las

febreiro 2022 | peza do mes | Ana María Veiga Romero
Brazalete do Castro de San Cibrao de Las

Nas últimas escavacións arqueolóxicas levadas a cabo no Castro de San Cibrao de Las sucedéronse un bo número de achados de obxectos de adorno persoal realizados en bronce, entre os que destaca este brazalete, a cuxo estudo queremos achegarnos co propósito de animar os novos investigadores a facer un estudo en profundidade.

A peza en cuestión é un brazalete de bronce, elíptico e de sección triangular, fundido en cera perdida, de dimensións pequenas: eixe maior 5,8; eixe menor 4,26; anchura 0,9 e un peso de 23 g. Está formado por unha fina moldura a xeito de crista, coidadosamente decorada con dezanove círculos concéntricos a ambos os dous lados, e con vinte e cinco perforacións circulares, perfectamente realizadas, na pequena pestana que sobresae. Os extremos están rematados mediante varias acanaladuras e sendas cabezas zoomórficas, probablemente, parrulos. O seu estado de conservación é magnífico; presenta unha pátina intensa, continua, cubrinte e case uniforme de cor verde malaquita.

As súas pequenas dimensións fannos pensar que só puido lucilo un neno ou unha nena, a quen se lle debeu colocar como adorno e amuleto cando era moi pequeno, quizais para que o levase toda a vida.