Biface. Trasalba. Amoeiro

setembro 2021 | peza do mes | Vicente Rodríguez Gracia
2021_09_p

O achado do que hoxe falamos é unha peza biface, atopada polo Sr. Augusto Veiga Rubianes en 1986, embutida nun muro, fóra de todo contexto, nos Chaos de Amoeiro.

Trátase dunha cuarcita de gran fino e de cor rosada, que configuraba un seixo rodado tallado por ambas as caras.Ten unha reserva do córtex orixinal, de cor beixe, polo anverso, duns 3 x 2 cm e non presenta reserva cortical polo reverso. A peza amosa múltiples extraccións con percusor duro e talvez brando, tendo un nervio central polo anverso, desde a reserva ao vértice. O talón está totalmente tallado con extraccións menores, así como os bordos.

Os bifaces eran empregados como útiles de uso múltiple: percusores, escavadores, punzóns, fíos, etc. Considéranse pezas típicas do Paleolítico Inferior e Medio, aínda que poden aparecer en varias facies do Musteriense e ata no Paleolítico Superior.