Amarradoiro. Castro de Troña

xuño 2020 | peza do mes | Ana María Veiga Romero
Fotografía Amarradoiro do Castro de Troña

#aculturasegue

No repertorio de pezas que se veñen coñecendo como elementos arquitectónicos dentro da plástica castrexa: padieiras, ombreiras, frisos e couzóns, os amarradoiros son unha das creacións máis singulares. Son pezas realizadas en granito en forma de brazo cerrado en ángulo obtuso, cunha das súas partes destinada a axustar nun muro, e a outra, a mellor traballada, a sobresaír da parede. A parte que encaixa ten, habitualmente, forma de paralelepípedo irregular; e a outra, a visible, soe estar traballada e presentar certa decoración.

O amarradoiro que hoxe nos ocupa ten un brazo transversal e outro ascendente. Este non arranca directamente do cóbado, facendo ángulo, senón que se encurva bastante cara abaixo antes de comezar a subida. Está decorado polos laterais e pola fronte ascendente cun tema de losanxe ou rombos concatenados que se xuntan, todos eles, no remate da peza, e que poden facernos pensar nunha serpe. Apareceu no castro de Troña cara ao ano 1929, nas escavacións dirixidas por Luís Pericot García e Florentino López Cuevillas.

Aínda que estes utensilios foron considerados amarradoiros para atar ao gando, ou colgadoiros, o arqueólogo José Suárez Otero, en recentes investigacións, propón que os amarradoiros, obxectos que se atopan con certa frecuencia en xacementos da Idade do Ferro, serían exvotos que se ofrecían como conmemoración dun voto ou promesa por algunha graza recibida, achegándonos ao mundo da cerimonia e do culto. Aqueles que teñen una decoración máis complexa ou zoomorfa poderían condensar o peso que para a súa economía, para a súa forma de vida e para a súas crenzas representaban os animais. Sería a súa maneira de protexelos e encomendalos á divindade.