A revista Nós e o Museo

xaneiro 2020 | peza do mes | Afonso Vázquez-Monxardín Fernández
portada

O Museo conserva unha colección completa da revista Nós proveniente, pensamos, dos fondos da Comisión de Monumentos. Sen o traballo no tránsito entre o século XIX e XX da Comisión de Monumentos nos locais que ocupaba no Centro Provincial de Enseñanza, actual IES Otero Pedrayo, sería imposible que nacese o interese investigador e creador nos homes que forman a cerna de Nós, o denominado cenáculo ourensán, e a liña marcadamente cultural, conservadora, virada á arqueoloxía, antropoloxía, literatura e historia, do galeguismo auriense. Dalgún xeito, o discurso Nós é a lectura e compromiso en clave galeguista do pulo cultural dos homes do primeiro Instituto de educación provincial e da Comisión de Monumentos.

A revista, soñada na primavera de 1920 nas terrazas do Café Méndez Núñez de Pontevedra por Vicente Risco, Castelao, Ramón Cabanillas e Losada Diéguez –segundo relata o propio Risco, por primeira vez, na revista Céltiga de Buenos Aires, en
1926–, concretouse en Ourense porque era lugar de singular pulo galeguista.