A punta Palmela da «İlla de Pazos» (Muíños, Ourense)

xuño 2022 | peza do mes | José María Eguileta Franco
Fotograf’a Punta palmela da Illa de Pazos, Mui–os. Ourense

A peza que presentamos é unha punta Palmela procedente das sondaxes realizadas no xacemento denominado “Illa de Pazos”. Este lugar do interior de Galicia, situado na parroquia de Barxés, termo municipal de Muíños e provincia de Ourense, recibe este curioso nome porque ocupa un outeiro ocasionalmente rodeado polas augas do encoro das Conchas, no río Limia, converténdoo nunha illa cando o nivel das augas acadan a cota máis elevada de inundación.

A punta está realizada en cobre e pesa 10,9 gr. A maioría dos autores sosteñen que, pola súa forma, tamaño e peso, podería funcionar como armadura para lanzas ou para xavelinas. Outros investigadores as relacionan con puntas de frecha, aínda que o propio peso e tamaño dificultarían tal función.

Con todo, non debemos esquecer que en momentos iniciais da metalurxia, como pode ser o caso que agora tratamos, aos artefactos de cobre, ademais da súa función utilitaria, non sería difícil engadirlle un valor de prestixio da persoa que a utiliza, que puidera asociarse con algún tipo de rango ou poder. Aínda que a procedencia parece ser dun asentamento, non poucas puntas Palmela aparecen no noroeste en enxovais funerarios, precisamente en momentos do Calcolítico e Bronce Antigo, que se caracterizan socialmente pola emerxencia da elites.