Fondos pétreos do Museo Arqueolóxico no Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa (San Cibrao de Las)

20/11/2020 | destacado | exposicións
_Miliarios_tumba

As obras de rehabilitación do edificio histórico do Museo Arqueolóxico, o Pazo do Bispo na Praza Maior de Ourense, supoñen a necesidade de buscar outras alternativas para cumprir as funcións que os museos teñen encomendadas. Unha parte importante das coleccións do museo son os fondos pétreos de gran tamaño. Algúns destes fondos que aínda permanecían na antiga sede, conforman a partir de hoxe a exposición FONDOS PÉTREOS no Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa en San Cibrao de Las. Este xacemento é un lugar emblemático especialmente unido ao traballo de Florentino López Cuevillas, figura senlleira da xeración NÓS da que este ano celebramos o seu centenario.

A exposición FONDOS PÉTREOS está conformada por 62 pezas distribuídas na sala de exposicións temporais do PACC. Aborda seis grandes temas, dous dos cales teñen unha relación directa coa Romanización de Galicia.

En primeiro lugar mediante nove aras ou altares de pedra consagrados a unha deidade incídese no tema da relixiosidade na antiga Civitas Auriensis, mentres que once miliarios ou columnas de pedra que balizaban as estradas romanas correspondentes á actual provincia de Ourense, ao xeito dos marcos quilométricos actuais, nos sinalan como ademais de informar das distancias funcionaban, sobre todo, como obxectos de propaganda imperial de carácter monumental.

Un terceiro tema céntrase, mediante dezasete pezas, na difusión do Cristianismo desde a Tardoantigüidade ata a Idade Moderna tomando como referencia formas luxosas de sepultura reservadas a persoas de certo nivel social e nas que o epitafio ten como fin darlle notoriedade ao finado e manter a súa permanencia no tempo.

Cun menor número de pezas abórdanse outros tres temas: a arquitectura renacentista na cidade de Ourense a través das casas-pazo ou casas con patio, verdadeira representación da grandeza e da posición social (trece pezas), algúns aspectos relativos á auga e a hixiene no Ourense moderno e contemporáneo (tres pezas) e, finalmente, as reformas que se levan a cabo no antigo Pazo do Bispo de Ourense sobre todo a raíz do incendio se sufre no século XVII, pero onde non faltan os elementos romanos e da tardoantigüidade que estaban presentes no seu solar (oito pezas).

Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa

Horario: De martes a domingo, de 10.00h a 15.00h