Exposición O camiño real de Castela a Santiago por Ourense, base do camiño de peregrinación Vía da Prata

28/09/2011 | exposicións
Folleto da exposición

A Exposición O camiño real de Castela a Santiago por Ourense, base do camiño de peregrinación Vía da Prata, pretende dar a coñecer, de forma gráfica, a realidade histórica desta ruta, unha das máis importantes infraestructuras territoriais de Galicia, o proceso histórico da súa formación e transformación e a valoración do seu valor patrimonial.

A ruta aparece hoxe enmarcada na denominación de «Camiño de Santiago» na Lei 3/1996, de 10 de maio, de Protección dos Camiños de Santiago, co título de «Ruta da Prata», e en fase de estudo para a proposta de delimitación do seu trazado e zonas de protección. Pero ademais da súa realidade xacobea, ten un propio valor cultural como antiga vía de comunicación que atravesa espazos naturais de gran beleza e contrastes enfeitados cun rico patrimonio, produto dunha longa e fecunda historia.


Tomando como base a documentación de carácter histórico-literario –crónicas, relacións de viaxes e diarios de peregrinación– vaise facendo a reconstrución do seu trazado. Tamén, a través das fontes de arquivo, xeradas polas administracións que historicamente tiveron competencias en materia de construción, mantemento e reparación de camiños, téntase reflectir a precariedade das comunicacións no século XVIII, e o mal estado das pontes, principais obras da infraestrutura viaria, sobre o que tantas veces alzarían as súas voces os pensadores e ilustrados galegos. Para o seu arranxo, en 1746, o Intendente Xeral de Galicia, José de Avilés, ditou unha Instrucción general para a composición dos camiños deste Reino. Os recoñecementos feitos neste ano polos mestres de obras Lorenzo Gosende e Francisco Vidal, para comprobar as súas necesidades, permiten comprobar a natureza do estado destes camiños, así como a inspección feita no ano seguinte polo arquitecto José Vidal, mandado polo Intendente para recoñecer as obras acometidas e marcar o que habería que facer no futuro. A aprobación en 1786 do segundo camiño a Madrid, deu lugar a novos recoñecementos, sendo de grande interese o do deputado Vicente Vázquez del Viso (1798), grande defensor deste proxecto, e o do conde de Guzmán, Inspector Xeral de Camiños (1799), para trazar o itinerario a seguir pola nova estrada de Benavente a Ourense, considerada como fundamental para o progreso económico do reino.
A selección de mapas e planos manuscritos, procedentes de diferentes arquivos e bibliotecas, permite comprobar a densidade dos camiños do século dezaoito, herdeiros dos medievais. Maila a súa sinxeleza, esta achega cartográfica representa unha fonte de grande interese para o coñecemento do territorio, pois neles dáse preferencia ás liñas dos camiños, ríos e pontes, denantes da famosa Carta Geométrica de Domingo Fontán (1845). Pola súa importancia destacan os planos do proxecto da estrada da Portela da Canda a Ourense (1840), do enxeñeiro Alejo Andrade Yáñez, ao recoller o itinerario deste vello camiño de ferradura sobre o que en parte se superporía a nova estrada, así como os deseños das pontes que foron substituíndo as antigas obras de fábrica para salvar as correntes fluviais no seu percorrido.

A transformación da rede viaria interior para servir ao transporte actual requiriu de grandes transformacións. Con todo, o recoñecemento documental deste camiño como parte dun territorio histórico e a valoración dos seus elementos patrimoniais contribúen a subliñar a súa identidade e dimensión en canto vía cultural.

Yolanda Barriocanal López