Exposición do Museo Arqueolóxico P. de Ourense

16/10/2014 | exposicións
cartaz_web

A exposición “O Padre Feijoo. Cidadán libre da República Literaria” inaugurouse o luns, 13 de setembro na sala de exposicións do Centro Social Afundación (Praza Maior, 4).

 

Horario da exposición:

de luns a venres de 17.30 a 20.30 h

sábados, domingos e festivos: de 12.00 a 14.00 h e de 17.30 a 20.30 h

Entrada de balde.

 

Coa finalidade de difundir, achegar e facilitar o acceso do público á exposición do Padre Feijoo, ofrecénse visitas guiadas para as persoas que previamente realicen a reserva. Ademáis, a exposición conta cun programa didáctico orientado ás diferentes idades escolares.

Acceso á web de Afundacion para obter máis información ou realizar reservas

 

Benito Jerónimo Feijoo Montenegro Puga, máis coñecido como “Padre Feijoo“(1676 – 1764) é considerado o fundador do ensaio filosófico en lingua castelá e o pensador máis importante do século XVIII en España.

250 anos despois do seu pasamento o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense rende homenaxe á súa figura a través de singulares pezas, fío condutor da mostra, que se atopan entre os seus fondos -froito da confianza depositada nesta Institución polos herdeiros do beneditino- xunto a unha selección de obxectos documentais e artísticos procedentes doutras institucións e particulares.

A mostra presenta catro ámbitos temáticos. O primeiro dos apartados aborda a cuestión da súa biografía. Persoa de resonancia universal, o Padre Feijoo era natural de Ourense, membro dunha familia fidalga con raizame en diferentes lugares da provincia. Logo de Ourense virán novos lugares e carreira formativa para chegar ao asentamento definitivo en Oviedo.

O éxito da súa produción escrita provoca que medre a súa fama e con ela a necesidade da fixación dun modelo iconográfico da súa persoa en vida que no século XIX se manifesta con maior intensidade en Ourense.

O apartado destinado á análise da súa obra pretende expor a profunda renovaciónque realizou Feijoo do pensamento do seu tempo, un escritor filosófico, fóra de toda norma como el mesmo se definía: “Cidadán libre da República Literaria“. Esta produción pode pórse en relación coa Ilustración e cos seus contemporáneos pero igualmente proxectarse no presente, faceta do seu legado que se pretende subliñar.

Como berce de Feijoo, Ourense, e máis concretamente a cidade, como capital provincial, rendeu homenaxe en datas sinaladas á súa figura e son fitos na recuperación da súa figura no século XIX. Destacan dous actos de eco nacional: a celebración do bicentenario do seu nacemento en 1876 e as festividades con motivo da inauguración da súa estatua en 1887.