A exposición NA PROCURA DO PASADO. ORIXE E DESENVOLVEMENTO DA ARQUEOLOXÍA EN OURENSE no Museo das Peregrinacións e de Santiago

21/03/2017 | destacado | exposicións
aros_regodeigon

Esta exposición, producida polo Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, foi pensada para render homenaxe a todos aqueles arqueólogos que fixeron posible reconstruir a nosa historia. A través das fotografías expostas, hoxe auténticos documentos históricos, podemos coñecer o seu traballo.

Na mostra destacan algunhas das pezas máis significativas recuperadas mediante intervencións arqueolóxicas como o Guerreiro de Armea, o Sedente de Xinzo, as xoias de Regodeigón, a Arracada de Vilar de Santos, a Tabula de Castromao ou o Mosaico da Cigarrosa. Estas pezas son a testemuña da sociedade que as creou e utilizou, pero tamén dos investigadores que as descubriron e estudaron.

 

HORARIO do MUSEO

Martes a venres, de 10.00 a 20.00 h

Sábados, de 10.30 a 13.30 h e de 17.00 a 20.00 h

Domingos e festivos, de 10.30 a 13.30 h

Ata o 28 de maio de 2017

 

Museo das Peregrinacións e de Santiago

Os museos durante moitos anos, foron os principais impulsores e artífices da investigación arqueolóxica desenvolvida en Galicia, ao tempo que custodiaban e conservaban os achádegos froito destas intervencións. A través desta exposición, quíxose render a merecida homenaxe ás persoas que co seu traballo e dedicación foron protagonistas do desenvolvemento cultural e científico de Galicia, e que contribuíron a facer posible que todos nos poidamos sentirnos orgullosos da nosa historia.

Ao longo do relato expositivo danse unhas pinceladas sobre o traballo levado a cabo no eido da arqueoloxía polos distintos persoeiros que, dende a Comisión Provincial de Monumentos Históricos e Artísticos de Ourense, dende o Seminario de Estudos Galegos e o Grupo Nós, abriron vieiros para descubrir o noso pasado ao amparo das tendencias metodolóxicas de cada momento.

Nesta mostra ofrécese unha visión daqueles persoeiros que impulsaron a práctica da arqueoloxía desde finais do século XIX ata os anos 70 do século XX. Destacan figuras da talla de Marcelo Macías, Arturo Vázquez Núñez, Manuel Díez Sanjurjo, Florentino López Cuevillas, Xaquín Lorenzo Fernández, Xesús Ferro Couselo, Xesús Taboada Chivite, Conde Valvis, Rubén García Álvarez, Manuel Chamoso Lamas ou Laureano Prieto, entre outros.