NESTE MOMENTO ESTAMOS ABERTOSNESTE MOMENTO ESTAMOS PECHADOS
ABERTOPECHADO
HORARIOSHORARIOSHORARIOS
LOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓN
Biblioteca do museo. Edificio Santa Mª de Europa (A Carballeira)

Rúa Xílgaros s/n. Tfno.: 988 788 439 | Fax: 988 788 450

De luns a venres de 9.00 a 14.00 horas

Exposición: “Escolma de Escultura”. Sala San Francisco (edificio anexo ao claustro)

Rúa da Granxa s/n. Tfno.: 988 788 417

De martes a sábado de 9.00 a 21.00 horas

Domingo de 9.00 a 15.00 horas

Luns e festivos pechado

Rúa da Granxa s/n.
Tfno.: 988 788 417

Romanización

Romanización

Dionysos e Ampelos Dionysos e Ampelos

Na colección do Museo recóllese unha panorámica sobre a presenza romana neste recanto de Galicia e que marca os fitos da conquista e organización do territorio -campamento romano de Aquis Quarquernis-, a reorganización do poboamento castrexo e a súa transformación en novos núcleos como é o caso de Castromao -Coeliobriga como se pode identificar pola mención explícita da tessera hospitalis na que se recolle o tratado de hospitalidade recíproca entre os seus habitantes, os Coelerni, e o Prefecto da I Cohors dos Celtiberos-, o da Cidade do Castro de San Millán (Cualedro) ou o máis próximo a Ourense, o Conxunto Arqueolóxico-Natural de Santomé. Finalmente, os novos asentamentos, de cronoloxía máis tardía, que responden ó modelo de vila, como é o caso de Parada de Outeiro (Vilar de Santos), A Cigarrosa (A Rúa), Baños de Riocaldo (Lobios) ou Mourazos (Verín), con restos de diversa entidade, carácter e significado, entre os que se poden destacar o grupo escultórico en mármore de Dionisos e Ampelos, procedente de Mourazos, os mosaicos da Cigarrosa, os relevos de Amiadoso (Allariz) e a serie de bronces figurados romanos como o Mercurio de San Salvador de Seiró (Vilar de Barrio).

epigrafía

As inscricións, obxecto de estudo da epigrafía, son case sempre un documento primario e un testemuño directo que nos chega, a diferenza dos manuscritos compilados, sen intermediarios, constituíndo, a pesar das limitacións cronolóxicas e interpretativas, unha fonte insubstituíble para a Historia da Antigüidade.

No ámbito da relixión na Galicia Romana, a epigrafía, sobre todo a partir das inscricións votivas, constitúe unha fonte de primeira orde para o seu coñecemento, sen esquecer os escasos datos que nos proporciona a arqueoloxía e as xeneralidades da relixión romana que lle sexan de aplicación.

Neste aspecto o coñecemento das divindades de carácter indíxena da provincia de Ourense dependen única e exclusivamente das achegas que poida facer a epigrafía. Algunha destas divindades, como ocorre con Bandua, non están representadas nesta colección, aínda que están amplamente documentadas no ámbito territorial do museo. Pola contra, atopamos outras como Reve, cun significado e valor sobre o que non se poñen de acordo os investigadores, que apareceu na ara de Castromao e no bloque granítico do mosteiro de Ribeira, ou Nabia, divindade que para algúns ten carácter acuático e para outros relación coa guerra, que atopamos na ara do Monte do Viso (Nocelo da Pena).

A miúdo atopámonos con deuses e divindades do panteón romano que levan un epíteto de carácter indíxena, o que nos fala do sincretismo e simbiose entre as dúas relixións. Tal é o caso dos Lares, divindade romana que na ara de Vilariño Frío, Santa María Madalena de Paradiña (Sarreaus) leva o epíteto indíxena de Ocaelaego ou a dos Gozos, Santa Marta de Moreiras, co epíteto indíxena Circeiebaeco Proeneaego. Outros deuses romanos como Xúpiter tamén levan epíteto indíxena, como é o paradigmático de Ladico.

O panteón romano é introducido e difundido en todo o NW polo persoal que estaba ó cargo da administración, funcionarios e sobre todo polos soldados e veteranos. Este condicionamento sociolóxico explica a mestura dos elementos relixiosos, supersticiosos e cultos cos ritos oficiais. As divindades mellor representadas, aparte de Xúpiter, son as Ninfas, coas pezas de Baños de Bande, Canedo e como non a das Burgas. Non faltan altares dedicados a Diana, como a ara do Monte Louredo (Reza) e a da Mezquita ou a Tutela como a de Santomé (Ourense).

A cristianización, aparte doutros elementos e testemuños, tanto de carácter arqueolóxico como histórico ou epigráfico, pódese rastrexar polo lugar no que estas pezas adoitan aparecer reutilizadas formando parte de construccións dedicadas ó culto cristián, algunhas veces ata no propio altar e con rebaixe no focus orixinal para albergar a caixa das reliquias da consagración da igrexa como é o caso da aparecida en San Mamede de Urrós (Allariz).

As inscricións funerarias permiten estudar outros aspectos como a demografía, sempre coas limitacións que a epigrafía comporta. Non coñecemos todos os epígrafes, nin todos os individuos podíanse permitir que lles erixisen un monumento, das características que fose, á súa morte. Por todo isto as conclusións ás que se chega neste aspecto teñen que ser consideradas coa debida prudencia. Estas inscricións ademais da fórmula dedicatoria, a miúdo D.M.S. “consagrado ós deuses Manes”, nome do dedicante, do finado e a relación entrambos, adoitan levar os anos que tiña o finado, como podemos ver, entre outras, na peza de Terroso (Vilardevós), onde especifica que Rufino foi enterrado ós 40 anos ou Macilia ós 60 na de Florderrei Vello (Vilardevós).

Para o coñecemento e localización de pobos e cidades, a epigrafía amósase como unha fonte veraz que a miúdo confirma e puntualiza a información que recibimos doutras fontes. Tal é o caso das inscricións honoríficas erixidas na honra de Antonino Pio e Adriano respectivamente, aparecidas en Nocelo da Pena (Sarreaus), nas que a Civitas dos límicos fai a dedicatoria, o que constitúe un indicio claro de que próxima ó lugar débese de atopar a cidade dos límicos da que nos fala Ptolomeo.

O estudo da onomástica persoal, rexistrada sobre todo a partir da epigrafía, constitúe un elemento clave que hai que ter en conta na investigación sobre a asimilación de calquera cultura. No estudo do proceso romanizador do NW, a onomástica permítenos observar o grao de permeabilidade da cultura romana na indíxena. Así pódese observar como individuos con onomástica indíxena adoptan formas e ritos tipicamente romanos e noutros casos como perdura o nome indíxena nos tria nomina romanos, como se pode ver, entre outras, na ara xa citada de Vilariño Frío (Sarreaus), onde atopamos Apanicus nome indíxena.