belas artes

"Recuerdo de las joyas" de Ramón Parada Justel

"El recuerdo de las joyas" de Ramón Parada Justel

Orixe do Museo Provincial ó recollerse con este fin todos os obxectos artísticos procedentes dos mosteiros e conventos suprimidos pola Desamortización de Mendizábal. Esta sección reúne na actualidade un numeroso elenco de pezas de moi variada significación e valor artístico. Os fondos de arte antiga e medieval incluíronse entre as series histórico-arqueolóxicas que permiten a súa contextualización, mentres que os de época moderna e contemporánea aparecen como series propiamente artísticas.

Entre a diversidade dos seus fondos podemos distinguir catro series notables: escultura do renacemento e barroco, pintura do século XVII e XVIII, procedente dos mosteiros desamortizados, pintura de finais do século XIX, basicamente a obra do pintor ourensán Ramón Parada Justel, e artes decorativas.

No conxunto da escultura en madeira encóntranse algunhas das xoias artísticas do Museo. En primeiro termo a Inmaculada, de Juan de Juni, procedente de San Francisco de Ourense e última obra documentada do escultor, que a cita no seu testamento como encargo de dona Inés Pérez de Belmonte. Despois o San Diego de Alcalá de Juan de Angés, atribuído durante moito tempo a Francisco de Moure, ou os taboleiros do cadeirado do coro do Mosteiro de Montederramo, de Alonso Martínez de Montancha, ou os esponsais da Virxe, tamén procedente de Montederramo e obra de Mateo de Prado. A eles hai que engadir os retablos de San Pedro de Laroá, do entallador Pourchelet, o retablo de Gomesende, o do Pazo de Alongos, e un longo etc., que forman un conxunto representativo do quefacer artístico dos séculos dezaseis, dezasete e dezaoito na provincia de Ourense.

A serie de pintura monacal intégrana os fondos que non seu día formaron parte do Museo de Pinturas, que se constituíu entre os anos 1845 e 1852 cos cadros procedentes dos conventos suprimidos. Nel reuníronse máis de cento trinta obras, que posteriormente se dispersaron. Nesta serie destacan tres conxuntos, dos que as obras máis significativas dos dous primeiros consérvanse no Museo. Un primeiro era o formado polos cadros procedentes do claustro de San Francisco, iniciativa dos familiares do bispo Fr. Damián Cornejo, obra de García de Bouzas; un segundo grupo, con obras atribuídas a un artista ribadaviense, Juan Francisco Amoedo, formado por retratos de santos e bispos; e o terceiro, que hoxe está en precarias condicións de conservación na sancristía do Mosteiro de Celanova, coa representación dos retratos de San Rosendo e a súa familia, obra de Gregorio Ferro.

A pintura de finais do século XIX e comezos do XX está formada basicamente pola obra de Ramón Parada Justel, da que a maioría ingresou por donativo da súa irmá, dona Modesta Parada, e completouse con algunhas doazóns posteriores, como a de dona Enriqueta Cort, que ofreceu O recordo das xoias e outras adquisicións. Tamén hai obras doutros artistas da súa xeración, un movemento truncado que renova a pintura galega e no que figuran os seus amigos Jenaro Villamil, Fermín Brocos e Ovidio Murguía, con obras pouco coñecidas pero que gozan de aprecio xeral.

Os fondos de artes decorativas inclúen desde teas e ornamentos a unha colección de tarros de botica monacais pasando por unha selecta representación do mobiliario litúrxico -entre eles un incensario gótico ou as cruces parroquiais- e o donativo de don José Parada Carballo que coleccionaba caixas e escribanías de prata, pezas de arte africana, abanos e unha serie de pías de auga bendita, con máis dun milleiro de pezas. Tamén destaca un Viacrucis, pintado, de traza popular, de grande expresividade.