Presentación do libro: Epistolario. Cuevillas e os seus contemporáneos

30/09/2020 | actividades | destacado
_DSC0013 - Copia

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade, por medio do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, con motivo de celebrase este ano o centenario de NÓS, publica o libro Epistolario. Cuevillas e os eus contemporáneos, no que se recolle a correspondencia que mantivo Florentino López Cuevillas, entre o ano 1925 e 1958, con diferentes persoeiros do mundo da cultura, da ciencia ou da política, entre os que destacan figuras como Henri Breuil, Adolf Schulten, Pero Bosch Gimpera ou Castelao.

No libro de 608 páxinas, con máis de 1000 cartas con 70 interlocutores diferentes, recóllense a correspondencia cruzada, tanto a escrita por Cuevillas, que se custodia en diferentes institucións e arquivos familiares, como a recibida, que conserva a familia. A través deste epistolario, pódese observar as reflexións máis intimas de Cuevillas, sobre diferentes facianas da súa biografía, tanto no ámbito persoal e familiar, como no profesional sobre todo no campo da arqueoloxía, político e sociocultural. Ao longo destas misivas ponse de manifesto a personalidade dun traballador incansable que antepón o amor a terra e o desenvolvemento cultural e científico do pais por enriba de calquera outra consideración.

Os autores do libro Avelino Rodríguez González e Xulio Rodríguez González, director do museo, realizan unha ampla introdución, na que van resaltando os aspectos máis importantes que se poden extraer da lectura desta correspondencia que van desde o Galeguismo e Estatuto de Galicia, o compromiso coa lingua galega, as relacións cos investigadores foráneos e os lazos con Portugal, o Seminario de Estudos Galegos, ou o impulso e renovación do método arqueolóxico entre outros.

En definitiva trátase dun importante e valioso documento a partir do que é posible coñecer e ratificar unha longa e prolífera traxectoria que abrangue unha ampla etapa da vida cultural e científica da Galicia do século XX, que permite reconstruír as pegadas deixadas por Cuevillas e as relacións que a través deste medio estableceu con diferentes intelectuais do momento, permitindo ampliar a mirada do universo intelectual, cultural e vital dun grupo de persoas que construíron os alicerces do desenvolvemento cultural de Galicia.