Peza do día: Cabeza de guerreiro (Rubiás, Bande)

22/03/2020 | xeral

#aculturasegue

Cabeza dun guerreiro, de indubidable factura castrexa (datada no século I d. C.), realizada en granito cunhas dimensións de 30 x 30 x 20 cm. Amosa unha coidada execución na que o artista procura reflectir todos os elementos anatómicos. Os ollos son grandes e de forma amendoada, pero sen sinalar as meniñas; o nariz é prominente e ancho na súa base. Os beizos, apenas perfilados, parecen debuxar un ricto melancólico. O cabelo, indicado na parte posterior por medio dun lixeiro rebordo na zona occipital -detalle que algúns autores interpretan como casco- deixa á vista unhas orellas ben definidas e anatomicamente convincentes. O pescozo vai adornado cun torques que aparece roto na parte dianteira. Estas características proporciónanlle un carácter individual, case de retrato, que o personaliza e diferenza doutras cabezas de guerreiros.

A cabeza foi reutilizada como remate dunha fonte no lugar de Rubiás, Bande, de onde foi recollida en 1935 tras unha visita dos membros da Comisión de Monumentos a este frutífero xacemento galaico-romano do sur de Ourense. Tradicionalmente, aínda que con moitas reservas por parte dalgúns investigadores que sinalan a probable existencia doutras estatuas de guerreiros castrexos pola zona, vense considerando que é a cabeza dunha escultura que levaría no seu escudo a inscrición Adrono Veroti. F., segundo información proporcionada por Mauro Castellá Ferrer en 1609 e que a sitúa en Rubiás. Esta cabeza constitúe un exemplo senlleiro da plástica castrexa e resulta especialmente atractiva polas súas formas e rotundidade expresiva.

Máis Información: Peza do Mes de novembro de 2006