Patrimonio en feminino. A memoria feminina: mulleres na historia, historia de mulleres

08/03/2016 | actividades | destacado
inmaculada_juni

No marco de colaboración da Rede Dixital de Coleccións de Museos de España o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, organiza con motivo do Día Internacional da Muller, o proxecto Patrimonio en Feminino, do que presenta a súa sexta edición A memoria feminina: mulleres na historia, historia de mulleres.

O catálogo reúne achegas de oito países iberoamericanos por medio de 153 bens culturais en clave de xénero. Os países participantes son: Arxentina, Brasil, Chile, Colombia, España, México, Portugal e Uruguai. España achega un total de 30 bens culturais, procedentes de 28 institucións museísticas, entre as que está representado o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense coa talla da Inmaculada de Juan de Juni.

Esta imaxe, considerada como unha das xoias artísticas coas que conta o Museo ourensán é obra documentada do escultor Juan de Juni, quen a cita nunha das cláusulas do seu testamento de 1577 como encargo de dona Inés Pérez de Belmonte con destino á cidade de Ourense.

A patrocinadora desta peza, muller de forte personalidade e poderoso atractivo, pertencente á fidalguía ourensana, tivo unha educación exquisita, parella á que recibiu o seu irmán en Salamanca. Durante anos residiu no Palacio dos Oca, hoxe Liceo ourensán, e no Palacio de Afonsas, en Celme. Non sen dificultades, soubo facerse visible nunha sociedade hostil e discriminatoria cara á muller, participando activamente na vida social da cidade. É verdade que a súa biografía estivo marcada polos homes, pero sempre foi quen de facer valer os seus dereitos ante eles, como deixan patente os numerosos preitos que interpuxo defendendo os seus intereses e os dos seus fillos ante os homes da súa familia e os seus vasalos.

Seguindo o exemplo doutras mulleres da súa mesma condición social, que acharon unha canle de participación pública a través de fundacións e financiamento de obras artísticas, encarga esta Inmaculada a un dos mellores escultores do momento, o que revela o seu gusto refinado, a súa independencia económica e esa capacidade de liberdade e decisión que a caracterizaron.