Os museos celebramos o Día Internacional dos Arquivos

09/06/2020 | actividades | destacado

#aculturasegue

Os museos xestionados pola Consellería de Cultura e Turismo sumámonos este 9 de xuño á celebración do Día Internacional dos Arquivos, xa que a preservación dixital dos nosos arquivos documentais son peza clave para a documentación das coleccións e teñen un valor único. Forman parte do patrimonio cultural dos museos os fondos museográficos (as coleccións) e os numerosos fondos documentais atesourados en todo tipo de soporte. Ambos forman parte do noso patrimonio cultural e son fontes de información e memoria viva dos museos.

O Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense súmase á iniciativa coa proposta “Debuxo arqueolóxico. Da tinta e o papel ao mundo dixital” para dar a coñecer algúns exemplos dos traballos desenvolvidos no eido dixital no Museo: o escaneado dos cadernos de campo e debuxos arqueolóxicos de diferentes xacementos e pezas. Unha tarefa que serve para traballar dixitalmente (e, polo tanto, dun xeito máis áxil e eficiente) con esta interesante información dos fondos documentais ao tempo que garantimos a súa preservación.