Exposición: Evolución en clave de género

07/07/2016 | actividades | exposicións
web_museo_arqueoloxico - copia

Na sala de exposicións temporais do Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa, en San Cibrao de Las pódese visitar esta exposición que é a segunda exposición itinerante producida pola Unidad de Cultura Científica e Innovación (UCC+i) do CENIEH (Centro Nacional de Investigación sobre la Evolución Humana). Trátase dunha proposta didáctica ampla, discutible e contestataria ao discurso tradicional sobre a evolución humana coa que se pretende colaborar na difusión dunha ciencia veraz e inclusiva, que no posible transcenda etnocentrismos e prexuízos.

O obxectivo é mostrar unha realidade evolutiva ampla, na que a reprodución e a supervivencia son os puntos focais para o éxito da especie, un éxito colectivo no que ambos sexos se complementan e no que a tribo sostén aos seus individuos.

A través das láminas elaboradas polo ilustrador científico Eduardo Saiz Alonso, a exposición busca cuestionar estereotipos e ofrecer novos retos ao gran público.

José Mª Bermúdez de Castro Risueño, Joseba Rios Garaizar e Maríai Amor Barros del Río son os comisarios científicos desta exposición, que viu a luz grazas á colaboración da Obra Social “La Caixa” e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT).

A exposición consta de 44 paneis de diferentes tamaños con imaxes e textos. Complementase cun catálogo que o público pode consultar na sala, e un vídeo no que o ilustrador científico Eduardo Saiz Alonso explica o proceso de creación das láminas da exposición.

Do 8 de xullo ao 4 de setembro de 2016

Horario: martes a domingo de 10.00 h a 20.00 h

Ver vídeo sobre a exposición