Espazos Sonoros presenta teatro musical no Museo

29/07/2011 | actividades
Cubo_libre_1

Martes 23 de Agosto as 20:00 h. no Museo Arqueolóxico

A Compañía Autónoma Dromosofista presenta: O cubo libre Teatro musical, mimo e teatro de obxectos.
Catro personaxes arredor dun cubo negro transfórmanse nunha espiral de imaxes surrealistas e poéticas, acompañadas de música ao vivo.

O cubo libre é un encontro entre a música, o teatro de rúa e o teatro de obxectos: dúas chaquetas que se revelan apaixonados amantes, un guitarrista virtuoso enreda as súas catro mans ao executar un tango, un músico anano introdúcenos na danza de dous estraños bailaríns. O público asombrado asiste a un espectáculo divertido que amosa con acerto que as aparencias enganan.
A Compañía Autónoma Dromosofista está formada por catro monicrequeiros e músicos que deixan totalmente fascinado o público grazas ao seu dinamismo e imaxinación. Facundo e Santiago Moreno, fillos de actores de teatro e televisión, naceron en Bos Aires e chegaron a Italia en 2001. Son músicos e fundadores do grupo Aparecidos. Rugiada e Timoteo Grignani son os fillos da familia italiana de artistas Girovago e Rondella, coa que actúan desde os tres anos.
Os catro artistas coñecéronse hai cinco anos no Festival de Teatro e Música de Rúa de Martina Franca (Italia). Un ano máis tarde xa concibiran o espectáculo O cubo libre. É daquela, en 2007, cando deciden crear a Compañía Dromosofista, inventando para a ocasión unha palabra coa que aluden ao coñecemento de quen elixe a rúa como escola, á leria e ousadía dos vendedores ambulantes, condimentada cunha boa dose de imaxinación.

Máis información sobre a Compañía Autónoma Dromosofista