España e Europa. Un proxecto común

21/12/2018 | actividades | destacado
ImageServlet

O Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense participa na exposición en liña España e Europa. Un proxecto común levada a cabo con motivo da conmemoración, durante 2018, do Ano Europeo do Patrimonio Cultural. Esta iniciativa xorde no marco da Rede Dixital de Coleccións de Museos de España, CER.ES, e pon o foco de atención, nesta ocasión, nas relacións culturais e nas influencias mutuas que recibe tanto España como o resto do continente europeo e o papel protagonista que o primeiro exerce como encrucillada de culturas e ponte entre Europa e culturas e sociedades doutros continentes.

A través de 151 bens culturais procedentes de 44 institucións museísticas españolas, e grazas ao traballo dun centenar de profesionais, o catálogo recolle aspectos tan diversos como as primeiras culturas autóctonas da península ibérica, o legado andalusí, a importancia das rutas de peregrinación ou a aportación que España realiza á historia da arte e a literatura universais. Non son só os únicos temas que se tratan: outras das cuestións máis relevantes serán o estudio do Mare Nostrum como lugar sobre o que se expande e crean as estructuras do Imperio Romano, a circulación de modelos, artistas e ideas como medios de difusión dos diferentes estilos artísticos ou a aparición dos museos como unha invención europea.

O Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense participa con tres das súas pezas: Unha espada da Idade do Bronce, unha ara votiva adicada a Cibeles e un capitel gótico.

Acceso ao catálogo