Día Internacional do Patrimonio Mundial

16/11/2020 | actividades | destacado
Santome_Sector_ I

Para conmemorar o Día Internacional do Patrimonio Mundial, efeméride que se fai coincidir coa firma en Paris da Convención sobre Patrimonio Mundial Cultural e Natural, na que se une a protección da natureza coa conservación dos sitios culturais, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense realiza unha serie de actividades relacionadas co Conxunto Arqueolóxico-Natural de Santome.

Neste xacemento vencellado a investigación do Museo, converxen os valores históricos, característicos dun interesante xacemento arqueolóxico conformado por un castro e un asentamento galaicorromano, que abarca desde mediados do século I a. C a principios do V d. C., cos do patrimonio natural, cunha vexetación típica da “Hoya ourensá” merecedora de ser conservada, contemplada e comprendida, xunto coa presenza de elementos físico-naturais como a formación de concavidades de remuíño ou a panorámica da paisaxe que se ofrece desde este lugar.

Así durante o día 17 de novembro, para recordar tal acontecemento, os primeiros vinte visitantes da Escolma de Escultura de San Francisco serán agasallados co catálogo da recente exposición Santomé. Conxunto Arqueolóxico Natural, e co libro Conxunto arqueolóxico-natural de Santomé. Guía da Natureza, unha boa forma de preparar a visita a este importante enclave.