Día da Muller: Inmaculada de Juan de Juni

08/03/2021 | actividades | destacado
Virxe de Juni

O Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense  faise presente na celebración do Día Internacional da Muller, que neste ano 2021 leva como tema: “Mulleres líderes: Por un futuro igualitario no mundo da Covid-19”, con dúas excepcionais pezas dos seus fondos. A través delas coñeceremos as dúas mulleres que as patrocinaron. Mulleres de gran presenza na sociedade do seu tempo, que realizan ofrendas vinculadas ás súas crenzas.

O tema deste ano celebra os enormes esforzos que realizan mulleres e nenas en todo o mundo para forxar un futuro máis igualitario e recuperarse da pandemia da Covid-19. O Día Internacional da Muller é un bo momento para reflexionar acerca dos avances logrados, pedir máis cambios e celebrar a valentía e a determinación das mulleres que xogan un papel clave na historia dos seus países e comunidades.

 

Inmaculada de Juan de Juni

Esta imaxe, considerada como unha das xoias artísticas coas que conta o Museo ourensán é obra documentada do escultor Juan de Juni, quen a cita nunha das cláusulas do seu testamento de 1577 como encargo de dona Inés Pérez de Belmonte con destino á cidade de Ourense.

A patrocinadora desta peza, muller de forte personalidade e poderoso atractivo, pertencente á fidalguía ourensana, tivo unha educación exquisita, parella á que recibiu o seu irmán en Salamanca. Durante anos residiu no Palacio dos Oca, hoxe Liceo ourensán, e no Palacio de Afonsas, en Celme. Non sen dificultades, soubo facerse visible nunha sociedade hostil e discriminatoria cara á muller, participando activamente na vida social da cidade. É verdade que a súa biografía estivo marcada polos homes, pero sempre foi quen de facer valer os seus dereitos ante eles, como deixan patente os numerosos preitos que interpuxo defendendo os seus intereses e os dos seus fillos ante os homes da súa familia e os seus vasalos.

Seguindo o exemplo doutras mulleres da súa mesma condición social, que acharon unha canle de participación pública a través de fundacións e financiamento de obras artísticas, encarga esta Inmaculada a un dos mellores escultores do momento, o que revela o seu gusto refinado, a súa independencia económica e esa capacidade de liberdade e decisión que a caracterizaron.