Día da Muller: Ara de Calpurnia Abana

07/03/2021 | actividades
Ara Calpurnia Abana

O Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense  faise presente na celebración do Día Internacional da Muller, que neste ano 2021 leva como tema: “Mulleres líderes: Por un futuro igualitario no mundo da Covid-19”, con dúas excepcionais pezas dos seus fondos. A través delas coñeceremos as dúas mulleres que as patrocinaron. Mulleres de gran presenza na sociedade do seu tempo, que realizan ofrendas vinculadas ás súas crenzas.

O tema deste ano celebra os enormes esforzos que realizan mulleres e nenas en todo o mundo para forxar un futuro máis igualitario e recuperarse da pandemia da Covid-19. O Día Internacional da Muller é un bo momento para reflexionar acerca dos avances logrados, pedir máis cambios e celebrar a valentía e a determinación das mulleres que xogan un papel clave na historia dos seus países e comunidades.

 

Ara de Calpurnia Abana

O culto ás Ninfas protagoniza a inscrición desta ara en agradecemento a estas deidades cuxo texto di:

Nymphis Calpurnia Abana Aeboso ex visu v(otum) s(olvit) l(ibens)

Calpurnia Abana Aeboso cumpriu gustosa o seu voto ás Ninfas, baixo a inspiración dun soño.

A importancia desta ara, atopada nunha horta a carón das Burgas, é que nos dá a coñecer a Calpurnia Abana Aeboso, unha muller galaica que viviu no século II d. C. na Gallaecia Bracarense.

Calpurnia é un nome novidoso, vido de fóra e plenamente romano -Calpurnia chamábase a última muller de César- aínda que ela pertencía ao populus galaico dos Aebisocios polo que sabemos que non era da cidade auriense, se non dalgún lugar próximo, posiblemente da zona centro oriental da nosa actual provincia.

Esta muller dedica un exvoto ás Ninfas, deusas romanas das augas asociadas a este manancial termal, que posiblemente fora utilizado dende tempo inmemorial polos seus antepasados. A antiga tradición da utilización das augas das Burgas con carácter terapéutico-relixioso modernízase na figura desta muller de praenome romano, pero cuxo nome e cognome son indíxenas, ao dedicar unha ara ás Ninfas. A expresión ex visu na inscrición indica que esta muller obtivo a curación baixo a inspiración dun soño. Este ritual, denominado incubatio, ten unha orixe moi antiga. Consiste en peregrinar a un santuario ou sitio sagrado e durmir alí. A divindade, neste caso as Ninfas, revelaranlle á doente, nun soño, as causas do mal e a forma de curarse por medio das augas mineiro-medicinais, concedéndolle a estas augas un poder curativo milagroso.

Esta ara é un fermoso indicador da romanización dos habitantes da bracarense, como se deduce do propio nome de Calpurnia Abana Aeboso, unha muller que hai dezaoito séculos chegou a cidade auriense dende outro lugar da provincia na busca de saúde.