Concerto de Ensemble Peregrina

11/03/2015 | actividades
ensemble_peregrina_bio

O Concello de Ourense, organizador do Festival Internacional de Música Pórtico do Paraíso escolle lugares emblemáticos da nosa cidade para ofrecer os seus concertos.

O Museo Arqueolóxico é o espazo no que se desenvolverá, o mércores 11 de marzo ás 20.30h, e con entrada libre, o concerto do dúo vocal e instrumental ENSEMBLE PEREGRINA (Suiza).

Fundado en Basel en 1997 pola cantante e musicóloga polaca Agnieszka Budzińska-Bennett, Ensemble Peregrina investiga e interpreta música sacra e profana dos séculos XII, XIII e XIV. O repertorio céntrase principalmente nas polifonías temperás e monodias da escola de Notre Dame e da nova cantica aquitana. O nome Peregrina fai alusión á transmisión de música e ideas que se produciu en Europa durante a Idade Media, pero tamén á traxectoria persoal dos seus cantantes, que se unen e buscan o equilibrio entre as súas diferentes culturas emulando a converxencia das distintas orixes da propia música que interpretan. As interpretacións e estilo baséanse en fontes e tratados da época, pero tamén no que achegan os máis recentes estudos históricos e musicolóxicos. Peregrina tocou en numerosos festivais de toda Europa e Estados Unidos e os seus concertos son retransmitidos habitualmente en emisoras como Schweizer Radio DRS 2, Deutschlandfunk ou a BBC. Na actualidade Agnieszka é profesora de historia e canto gregoriano na Musikhochschule Trossingen de Alemaña e Hanna é investigadora no Institute for Computer Music and Sound Technology da Universidade de Zürich en Suíza.

Máis información do VIII Festival Internacional de Música de Ourense Pórtico do Paraíso 

Con motivo do concerto, a presentación da PEZA DO MES de marzo: “Acubillo monetario de Monte Rego” aprázase ó mércores día 18 de marzo.