Cabezas castrexas de Armea. Ca.1950. Fondo Francisco Conde-Valvís

05/07/2022 | actividades
07_2022

As persoas chegamos ao mundo coa facultade de gardar na nosa mente as cousas que consideramos importantes e acordarnos delas no momento oportuno. Esa magnífica capacidade, que chamamos memoria, é sobre a que construímos a nosa historia, nos relacionamos e definimos quen somos. Recordamos algúns datos e outros non porque o cerebro tende a rexeitar o innecesario e a quedarse co que de verdade importa, por iso a memoria se complementa con outra condición; todo o que algunha vez estivo na memoria e xa non está pertence ao esquecemento. Esquecer é tan importante como recordar. Unha variable que xoga un papel importante entre o recordo e o esquecemento é o contido emocional da experiencia. Sen dúbida, os recordos cun alto contido emocional permanecen máis tempo na nosa memoria, en ocasións agardando o momento para saír á luz.

Corrían os anos 40 do século XX cando nunha conversa á volta dunha xeira arqueolóxica, a Francisco Conde-Valvís Fernández unha reminiscencia o retrae á súa infancia. Seu pai, Francisco Conde Valvís, afeccionado á arqueoloxía, coleccionista e mecenas deste Museo, nos seus recorridos pola provincia íalle inculcando o interese polo pasado. Nunha desas excursións polos arredores de Allariz, de regreso, convidouno a dar un rodeo para ir ver unhas estatuas de guerreiros nunha solaina. Nun pobo puideron ver dúas estatuas a modo de atlantes sobre o peitoril dunha casa que o emocionaron. Os estudos, a estadía no estranxeiro e os labores profesionais apartaron a Conde-Valvís das estatuas de guerreiros, ata que de novo, a conversa con Xesús Ferro Couselo lle evocou aquela vivencia. Podía describir claramente as características dos guerreiros, de modo que Ferro Couselo enseguida os recoñeceu como esculturas pertencentes á Cultura Castrexa, mais os recordos non son copias exactas das experiencias senón que a memoria reelabóraos no momento da recuperación, e Conde-Valvís descoñecía o lugar exacto de localización. Animado polo entón director do Museo emprendeu a busca intentando reconstruír aquela xornada de nenez. Así chegou ao pobo de Outeiro de laxe onde recoñeceu o lugar no que estivera décadas atrás e puído encontrar as estatuas, xa fóra do seu lugar e notablemente estragadas respecto a como as observara na primeira ocasión. O achado conduciuno a explorar as inmediacións na procura do lugar de procedencia das figuras. Deste modo, descubriu e escavou a Cibdá de Armea e identificou outros restos, como as cabezas castrexas que aparecen na fotografía que encabeza este texto, na aba do monte de Armea, no pobo de Abeledo. Os materiais da escavación, así como os restos materiais da colección de Conde-Valvís, entre os que se encontraban as estatuas, cabezas e outros relevos, que fora reunindo cos seus desvelos e nos que inverteu tempo, esforzo e diñeiro entregounos ao Museo Arqueolóxico de Ourense. A fotografía das cabezas, in situ, tomada por Conde-Valvís no intre do descubrimento foi recentemente depositada neste mesmo Museo polo seu fillo Francisco Conde-Valvís Manzanares. Son tres xeracións favorecendo cun legado ao Museo Arqueolóxico.

As cabezas castrexas xunto ás estatuas pasaron a engrosar os fondos do Museo, un dos lugares nos que se conserva a Memoria, ou as Memorias, neste caso tamén a colectiva, a que nos identifica como comunidade. En outono, nunha mostra que reunirá tamén outras pezas do mesmo contexto cultural, poderemos contemplalas e sumersirnos na memoria e incluso, sen ter experimentado os acontecementos que as rodearon, recordar e emocionarnos.