Barca de Barbantes. Marqués de Santa María del Villar

07/07/2017 | actividades | destacado
Fotograf’a Barca de Barbantes

Hai tantas viaxes como motivos para desprazarse. A visita a un familiar, o desexo de coñecer outros lugares ou unha relación de negocios, por exemplo, son razóns que dende a antigüidade levan ás persoas a recorrer camiños e vereas. Estas vías de comunicación presentan o problema habitual da dificultade de atravesar os ríos que se atopan ao seu paso. As pontes eran custosas e tecnicamente complexas, de modo que, en moitos casos era preciso acudir a unha fórmula máis económica, aínda que tamén máis perigosa: as denominadas “barcas de pasaxe”.

Dentro da xeografía ourensá, unha das máis importantes, por comunicar ricas comarcas vitícolas e situarse no hínterland da cidade de Ourense, era a barca de Barbantes (Cenlle), que comunicaba na outra ribeira con terras de Puga (Toén). Coñecida dende o século X, pertenceu ata tempos modernos aos señores da Torre de Puga, como se recolle no libro As barcas e as barcas de pasaxe da provincia de Ourense no Antigo Réxime de Gallego Domínguez, xunto con todos os avatares que na súa historia sufriu esta infraestrutura.

Ao redor de 1930, Diego Quiroga Losada, Marqués de Santa María del Villar, captou unha imaxe desta embarcación en funcionamento. Nela recoñécese unha barca plana e de grandes dimensións, manexada por medio dunha maroma, que tendida entre as dúas beiras do río era tirada por varias persoas.

Os tempos cambiaron, a imaxe mudou hoxe absolutamente. A centenaria barca caeu en desuso e metros máis arriba un moderno viaduto substituíuna. Mais hai fundamentos que permaneceron invariables; por necesidade -como os pasaxeiros da barca- ou por pracer -como o Marqués de Santa María del Villar-, é preciso viaxar.