Actividade no Día Internacional dos Museos: Museos e Memoria

19/05/2011 | actividades
Laboratorio de restauración

O Día Internacional dos Museos é unha efeméride que se celebra en todo o mundo dende o ano 1977. Este ano, o lema elixido é Museos e Memoria, unha filosofía de traballo que, segundo Xulio Rodríguez, ten por obxectivo “amosar á cidadanía o significado e a importancia da labor que se leva a cabo, cada día, nos museos”.

Laboratorio de restauración

A outra actividade conmemorativa do Día dos Museos tivo lugar no Laboratorio de Restauración do centro, situado en Santa María de Europa, e consistiu nunha “Xornada de Portas Abertas” para que os cidadáns, da man do restaurador Lois Méndez, coñezan o proceso que segue unha peza dende a súa chegada ao museo ata o seu traslado á Sala de Exposicións ou, en ocasións, ao almacén. Neste contexto, Xulio Rodríguez, director do museo, explica que nun museo a sala de exposicións é so a punta do iceberg pois hai moito traballo previo xa que o camiño que recorre unha peza dende a súa entrada no centro ata o seu destino final “leva consigo un longo proceso técnico e administrativo”. Esta xornada de portas abertas amosoulles aos visitantes o proceso de consolidación e restauración das pezas que se leva a cabo no laboratorio do museo, un traballo que Xulio Rodríguez cualifica de “moi complexo” e que require de persoal especializado.

Ademais de por en valor o noso patrimonio, as actividades serviron para lembrarlle á cidadanía que aínda que a sede do Museo Arqueolóxico, situada na Praza Maior de Ourense, continúa pechada ao público, o seu persoal segue a traballar na adquisición, conservación e exposición de pezas de interese para a nosa historia tanto na Sala San Francisco, onde está a sala de exposicións Escolma de Escultura, como na rúa Xílgaros, en Santa María de Europa, onde se atopan os almacéns, a biblioteca, o laboratorio de restauración e o persoal do centro.