Actividade no Día Internacional dos Museos: Experiencia e memoria

19/05/2011 | actividades
dia_int_museos

O Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense sumouse este mércores á conmemoración do Día Internacional dos Museos coa celebración de dúas actividades que se desenvolveron na Sala San Francisco (Experiencia e Memoria) e no Laboratorio de Restauración do centro, situado en Santa María de Europa (Museos e Memoria).

Segundo explica Xulio Rodríguez, director do museo, o obxectivo da iniciativa foi o de sensibilizar á cidadanía sobre o valor do noso patrimonio. “O patrimonio está para recordarnos que somos un fragmento da historia que non empeza nin remata en nos”, afirma, ao tempo que subliña “a necesidade e a obriga de conservalo para poder transmitilo ás xeracións futuras”.

Unha das actividades organizadas polo Museo Arqueolóxico con motivo do Día Internacional do Museo foi Experiencia e memoria e tivo lugar na Sala San Francisco, onde un grupo de alumnos da Universidade de Maiores lles explicaron a estudantes da ESO do instituto de As Lagoas a historia de Ourense a partir das pezas expostas na sala. Unha experiencia que Xulio Rodríguez cualifica de “moi positiva e enriquecedora, posto que permitiu unir nunha mesma sala a experiencia da xente maior, a xuventude dos máis novos e a memoria dos obxectos”.