Antigo Pazo episcopal en reforma para sede do Museo Arqueolóxico. 1962

08/08/2022 | actividades
08_2022

“A grúa foi a verdadeira atracción das festas”. Corría o ano de 1962 e Ferro Couselo escribíalle a Francisco Pons Sorolla, arquitecto das obras do Museo Arqueolóxico de Ourense no antigo Pazo episcopal, para darlle conta do avance destas. Era un ben ansiado por moito tempo desde que ardera a súa sede do Instituto Provincial en 1927. Todo o traballo de organizar conferencias e exposicións; inventariar, catalogar e fotografar pezas da colección; recibir doazóns e materiais das escavacións arqueolóxicas; atender a persoas investigadoras e editar unha revista, podía ser estéril coas pezas en almacéns e sen un local no que desenvolver publicamente a súa vida.

Foron anos de busca dun edificio apropiado ata que conxunción de dúas necesidades propiciou a consecución da meta. En 1947, o bispo Francisco Blanco Nájera, ofrecía en venta ao Ministro de Educación Nacional o antigo Pazo episcopal para co importe recadado sufragar parte da construción do novo Seminario Maior. Acordaron o prezo en 2.008.230 de pesetas. Catro anos se demora a firma do contrato en 1951 debido a que o Ministerio tiña outras prioridades.

Un ano despois, Ferro Couselo, director do Museo, comezou a instalación provisional da exposición. A adquisición supuña, non só dispor moitos metros cadrados senón tamén contar cun edificio declarado Monumento Histórico – Artístico en 1931 polos seus numerosos valores, entre eles os arquitectónicos, ao contar cunha estrutura interior románica singular na península ibérica, conservada grazas a unha envolvente de engadidos de diferentes épocas históricas, un auténtico manual de arquitectura e construción.

O estado do edificio obrigaba a unha reforma e unha necesaria adaptación ás funcións dun Museo. Sete anos despois da compra, logo de trámites, redacción e aprobación de proxecto e conseguir o diñeiro preciso iniciábanse as obras. Pero o camiño non estaba libre de obstáculos.

En 1960 voces polémicas comezan a sentirse na cidade. Varios comerciantes piden derribar parte do edificio co fin de ampliar a rúa de bispo Carrascosa seguindo a liña de arcadas hoxe existente ata a Praza Maior, co que pretendían revitalizar esa parte da cidade.

Cando en 1962 Ferro Couselo lle escribe a Pons Sorolla, a disputa entre este grupo e os que denominan “inimigos do progreso”, que aposta pola conservación, está no seu punto álxido; hai un intento de parar a obra,  obstaculízase o traballo e faise máis notoria nos medios de comunicación. En defensa do edificio acode Vicente Risco que recorre ao lema do pobo romano contra o Papa Urbano VIII “O que non fixeron os bárbaros, fixérono os Barberini” e José Conde Corbal acuña a frase “termitas con pantalóns”. En contra, un concelleiro negaba valor ao edificio e insistía en que prexudicaba a circulación rodada e afeaba a perspectiva da Praza Maior.

Fóra do ámbito mediático, Ferro Couselo reúnese coas autoridades ourensás, emite informes e escribe oficios e cartas persoais a diferentes académicos para solicitar o seu apoio. Era unha loita na que só podía expor argumentos pois as decisións correspondían sempre a instancias superiores.

As resolucións da Real Academia de San Fernando, Dirección Xeral de Belas Artes e Comisaría Xeral do Servizo de Defensa do Patrimonio Artístico Nacional foron favorables aos intereses do Museo e da íntegra conservación do edificio.

Con 900 anos de historia, é un capítulo máis dentro da dilatada historia do edificio que se continúa escribindo, memoria dunha época na que que o deseño da cidade e o seu crecemento se modela condicionado unicamente por criterios económicos.